[Resumo] Este traballo é un estudo do cancioneiro de Estevan Travanca, probabelmente un trobador de orixe portuguesa activo na segunda metade do século XIII. É considerado un dos “poetas menores” da poesía trobadoresca galego-portuguesa debido aos escasos textos que a tradición manuscrita nos transmitiu da súa autoría, en concreto catro cantigas de amigo máis unha composición de amor cuxa atribución continúa a ser cuestionada e que até ao momento ten sido adxudicada ao propio Travanca, a Joan Perez d’Avoin ou a Estevan Reimondo.
Así, e para alén da fixación textual das catro composicións de amigo, este capítulo inclúe unha análise retórica e literaria das cantigas, nas cales destacan motivos como a ausencia e a partida do amigo ou a morte por amor. Consideramos que o estudo integral dos denominados “trobadores menores” resulta de grande interese porque permite caracterizar globalmente a súa obra no contexto da escola trobadoresca galego-portuguesa.